A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de renovar o acordo de colaboración que mantén coa Universidade de Birmingham para promover a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas nesa institución académica. O Consello da Xunta aprobou hoxe este novo convenio, que establece a realización de diversas actividades.Mediante o acordo, a Universidade de Birmingham comprométese a incluír nos seus plans de estudo a oferta docente de Lingua Galega I, como materia anual e optativa para os alumnos de primeiro curso, Lingua Galega II, tamén anual e optativa para os alumnos de segundo curso, e Lingua Galega IV, para os alumnos de cuarto curso.O Seminario de Estudos Galegos do Departamento de Estudos Hispánicos tamén acollerá diversas actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas, como conferencias, seminarios, congresos e outros eventos, tanto no ámbito universitario como na súa área de influencia.O profesor lector de galego integrarase no cadro de persoal da universidade, e será o encargado de materializar as actividades que se organicen.A Secretaría Xeral de Política Lingüística fará unha achega de 75.807 euros dividida en catro achegas anuais, durante a vixencia deste acordo, que vence en 2011.Na actualidade, a lingua e a cultura de Galicia están presentes en 45 universidades de todo o mundo, grazas aos acordos promovidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Un total de 36 profesores lectores desenvolven a súa tarefa docente nestes centros.
Fonte: Xunta de Galicia