O Consorcio Audiovisual de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e APRADOGA clausuran un obradoiro de dobraxe

Fernando Salgado salienta que o curso supuxo “un éxito” pola alta demanda de participación, a alta cualificación dos participantes, a capacitación dos docentes e a relevancia da iniciativa que sitúa a dobraxe como ferramenta de normalización da lingua galega

O curso estivo formado por dous módulos independentes, o primeiro dirixido a directores/as, tradutores e lingüistas con experiencia contrastada na dobraxe e, o segundo, para actores e actrices de dobraxe que tiveran esta como a súa profesión principal

O Consorcio Audiovisual de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia (APRADOGA) clausuraron o obradoiro de dobraxe e lingua. O curso aglutinou dous módulos independentes: o primeiro dirixido a directores/as, tradutores e lingüistas con experiencia contrastada na dobraxe e, o segundo, para actores e actrices de dobraxe que teñan esta como a súa profesión principal.

Na súa intervención, o secretario xeral de Comunicación e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, salientou que o curso supuxo un “éxito”. Así se referiu á elevada demanda para participar no obradoiro, posto que se recibiron 130 solicitudes e se formou a preto de 40 alumnos. En segundo lugar destacou o perfil de alta cualificación dos participantes, ao que engadiu o prestixio e capacitación dos docentes que impartiron o obradoiro. Por último, subliñou a relevancia da iniciativa, xa que sitúa a dobraxe como ferramenta de normalización da nosa lingua.

Na clausura do obradoiro, Fernando Salgado estivo acompañado pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, Gaspar Somoza, vicepresidente da Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia, e Ramón Novo, asesor lingüístico de produción allea da TVG, entidades promotoras da iniciativa.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, valorou a iniciativa, ao tempo que animou os participantes a “seguir coidando a lingua”. Así, destacou que este tipo de iniciativas “incrementan os produtos audiovisuais en lingua galega e apoian a formación dos profesionais para mellorar a calidade lingüística dos produtos que se desenvolven en Galicia”. Neste sentido, reafirmou o compromiso do departamento que dirixe cos proxectos desenvolvidos desde o Consorcio Audiovisual de Galicia.

Esta iniciativa enmárcase na acción que o Consorcio Audiovisual de Galicia vén desenvolvendo coas distintas asociacións profesionais que congregan os directores e actores de dobraxe (AISGE e APRADOGA). Froito destas colaboracións téñense realizado seis actividades formativas relacionadas con este eido, que suman un total de 150 persoas formadas na dobraxe nestes catro anos.

A actividade que se clausura hoxe forma parte dun obradoiro que pretende dar formación a todos os profesionais que traballan no proceso de dobraxe: directores, tradutores, lingüistas, axustadores e actores de dobraxe.

Desde as entidades profesionais saúdan o traballo levado a cabo polo Consorcio Audiovisual de Galicia pola implicación e o esforzo coa calidade lingüística e interpretativa das accións formativas nesta área.



Colaboradores


Para organizar este curso contouse coa colaboración de APRADOGA, que prestou a súa axuda e apoio no deseño da actividade e na coordinación, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, parte integrante do Consorcio. Tamén colaboraron no proxecto o Centro Multimedia de Galicia, as asociación actorais AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia) e AISGE, que aprobaron esta actividade no marco do plan de formación actoral e que colaboran nas accións de difusión. Tamén se contou co apoio da Televisión de Galicia.

Para participar no curso recibíronse máis de 130 solicitudes de diferentes perfís profesionais. O curso remata coa formación de case 40 persoas: 7 tradutores e lingüistas, 11 directores de dobraxe e 20 actores de dobraxe. A docencia correu a cargo dos expertos: Elisa Fernández Rei, doutora en Filoloxía Galega, profesora contratada doutora na Facultade de Filoloxía da USC; Marisa Lois, médico foniatra especialista na reeducación e adestramento da voz; Ramón Novo, asesor lingüístico da Televisión de Galicia, Xosé Luis Regueira, doutor en Filoloxía Galega da USC; e Sonia Varela, Licenciada en Filoloxía Galega, profesora asociada do Departament de Filologia Francesa i Romànica da Universitat Autònoma de Barcelona.

Coa realización deste curso o Consorcio Audiovisual de Galicia segue a traballar no plan de formación para o 2008, que se articula mediante a subscrición de distintos convenios entre o Consorcio e as institucións educativas máis punteiras, así como a través da colaboración de distintas entidades que dan apoio e asesoramento para a elaboración dos programas das actividades formativas. Este plan é un referente da formación continua dos traballadores do sector audiovisual, no que se insiren cursos para actores, técnicos, produtores, directores etc.

 

Fonte: Xunta de Galicia